CRTVG

Buscar

Investigan a morte dun ancián de 94 anos que vivía só na Coruña

Publicado o 24/10/2019 15:03

A policía investiga a morte dun ancián na Coruña. O home de 94 anos vivía só e non baixaba á rúa desde había dúas semanas. Os bombeiros entraron na vivenda e atoparon o cadáver tendido no chan da cociña. Todo parece indicar que se trata dunha morte natural. 

Non o vían polo barrio desde había dúas semanas. Tiña 94 anos e vivía só no terceiro andar deste número 53 da rúa Castrillón. Un familiar presenciou como os bombeiros despregaban a escada para acceder á vivenda a través dunha xanela da fachada, de peche de guillotina, que non precisaron forzar. Xa no interior, confirmaron as sospeitas. O home estaba sen vida no chan da cociña.

Francisco Rodríguez Martínez, sarxento xefe de quenda do Servizo de Extinción de Incendios da Coruña: "Cando entramos na cociña que tamén estaba a porta pechada da cociña atopámonos no seu interior un home de avanzada idade, un home duns 90 e pico de anos, que estaba tirado na cociña. Estaba falecido levaba varios días falecido na cociña da súa vivenda".

Os bombeiros viron o corpo do home sobre o chan da cociña, onde, supostamente, debeu dar un golpe ao caer, xa que había restos de sangue. O accidente debeu ocorrer había varios días, xa que o cadáver empezara a descompoñerse, aínda que será a Policía a que aclare as circunstancias do falecemento, despois de recibir o informe da autopsia.

Francisco Rodríguez, sarxento xefe de quenda do Servizo de Extinción de Incendios da Coruña: "Cando imos a unha intervención deste tipo normalmente levamos un equipamento de proctección biolóxica. Hai ocasións nos que a xente vive soa nos seus domicilios e cando nos dín que levan varios días, moitos días en ter noticias destas persoas por protección levamos equipos axeitados para a intervención, con equípos autónomos e roupa de protección".

O falecemento de anciáns que viven sós, xunto cos suicidios, son dous dos requirimentos que máis obrigan a mobilizar os servizos de emerxencias en Galicia.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

24/10/2019