CRTVG

Buscar

Investigan a morte de Fabrizio João Silva, o reo máis perigoso de España

Publicado o 11/10/2019 17:13

A investigación aberta por Interior debería aclarar unha morte que a día de hoxe ten varias incógnitas: Fabrizio João Silva, guineano de 36 anos, un metro oitenta de altura e 108 quilos de peso, apareceu tendido no chan do aseo da súa cela cun golpe na cara.

Non hai indicios de que se suicidara. Tampouco puido ser agredido, porque vivía absolutamente illado desde hai anos debido ao seu carácter extremadamente violento. Días atrás iniciara unha folga de fame baixo o pretexto de non recoñecer a autoridade da dirección do centro penitenciario. Pero as últimas probas médicas que se lle practicaran tampouco revelaron problemas serios de saúde.

O tamén alcumado Hannibal Lecter dos cárceres españois levaba entre barrotes desde que en 2004 asasinara a súa moza en Bilbao. Posteriormente, foi condenado tamén por acabar coa vida doutro interno a patadas e puñazos. Era o terror dos funcionarios de prisións, que levan meses reclamando mellores condicións de seguridade á hora de tratar con este tipo de presos.

Antes que pola Lama, Silva pasou tamén polo penal de Teixeiro. Aínda que o peor incidente provocouno cando estivo no do Porto de Santa María, en Cádiz. Alí foi quen de fabricar unha arma branca co cravo dun zapato e mandar oito funcionarios ao hospital.

Noticias web

11/10/2019