Sanidade investiga unha intoxicación que afecta a 35 persoas no Carballiño e Leiro
As autoridades sanitarias investigan un posible caso de intoxicación alimentaria en dúas residencias sociosanitarias e un comedor escolar, na provincia de Ourense, que afectaría a unhas 35 persoas.
Segundo informa o Sergas, sete persoas tiveron que ser tratadas en urxencias e seis permanecen ingresadas en observación no Hospital de Ourense. Todas elas son usuarias das residencias de maiores das localidades do Carballiño e Leiro.
A intoxicación foi detectada este mércores despois de que varios usuarios destas residencia presentasen síntomas, con vómitos e diarrea. Foi un par de horas despois de xantar cando varios usuarios dunha residencia de Leiro e dúas do Carballiño, así como alumnos dun colexio desta vila, comezaron a sentirse mal. Os catro centros comparten o mesmo servizo de cátering.
Como consecuencia diso, os responsables de saúde pública puxeron en marcha un operativo para poder atender a todos estes pacientes. Neste momento, encárganse do seu seguimento para determinar a orixe e características da intoxicación.