Investigan a aparición dun xato morto en Lugo regado con veleno
Nun monte común da parroquia luguesa de Santa María Alta apareceu un xato morto co corpo regado cunha substancia azul que podería ser veleno. O Seprona cre que se trata dun cebo para atraer e matar lobos e por iso xa está a investigar para dar co autor ou autores dos feitos. Os veciños da parroquia desbotan que o responsable do acto fose algún deles, xa que insisten en que non tiveron problemas nin cos lobos nin con cans asilvestrados nos últimos tempos.
"As persoas de aquí non temos nada que ver con iso, porque hai moitísimo tempo que o lobo non ataca os nosos animais". "Non puido ser ninguén de aquí, porque sempre que morre un animal dan aviso para que o recollan. Nin sequera se enterran, como se facía antes".
Agora o corpo do xato e as mostras do suposto veleno xa están no hospital veterinario Rof Codina de Lugo para seren analizados. Os especialistas lembran que utilizar animais como cebo está totalmente prohibido e que o uso de velenos na natureza pode ter consecuencias moi negativas para todo o ecosistema, xa que poden causar a morte de animais diferentes do lobo e mesmo contaminar o terreo onde se depositan.
"O veleno pode matar animais diferentes do lobo e mesmo algún que estea en perigo de extinción. Ademais, a substancia entra na cadea trófica e incluso pode chegar ás persoas".
Utilizar velenos para causar a morte de animais no monte está catalogado como infracción moi grave e pode supoñer unha sanción económica de ata 35.000 euros. Os veterinarios recalcan que, cando se detecte a presenza do lobo, o que hai que facer é avisar a Medio Ambiente.