CRTVG

Buscar

Investigan o achado dun corpo calcinado no interior dun coche en Toques

Publicado o 28/03/2019 19:04

Aínda fumea neste monte de Florís, na parroquia da Capela, no concello coruñés de Toques. Foi aquí, nunha pista, onde os axentes forestais que traballaban na extinción do lume encontraban a noite pasada o corpo calcinado dunha persoa que, de momento, non confirman se estaba dentro ou fóra dun coche envolto en lapas.

Os axentes da Policía Xudicial da Garda Civil buscaban esta mañá na zona restos de ADN e outras probas para identificar oficialmente o cadáver, que xa foi trasladado ao Instituto Anatómico Forense para realizarlle a autopsia. De momento non confirman se se trata dun home ou dunha muller, pero a principal liña de investigación está no coche, domiciliado en Sobrado e propiedade dun veciño que aínda non puido ser localizado.

A investigación tamén aclarará as causas do suceso. A Garda Civil intenta determinar se a vítima faleceu atrapada polas lapas ou se xa morrera cando chegou o lume. Medios que participaban na extinción cren que a explosión do coche se rexistrou ao mesmo tempo que o incendio, polo que tampouco se descarta que estivese aí o foco do lume.

Medio Rural deuno por extinguido a primeira hora desta mañá. Afectou 35 hectáreas, principalmente de arboredo.
 

Noticias web

28/03/2019