CRTVG

Buscar

Investigadores vigueses descobren o potencial das espiñas do peixe para a protección solar

Publicado o 30/05/2019 16:19

Agora que se achega o verán e que hai que protexerse do sol, saiban que nun futuro esa protección podería proporcionárnola o que quizais menos imaxinamos: as espiñas do peixe. Un proxecto de investigación da Universidade de Vigo aplicou as propiedades do láser ao fosfato cálcico das espiñas, cun resultado óptimo contra a radiación ultravioleta.

Cantidades inxentes de restos do peixe que chega ás lonxas desbótanse ou, no mellor dos casos, destínanse á fabricación de fariñas para alimentación animal. Pero algúns deses restos teñen un gran potencial, tal e como comprobaron investigadores da Universidade de Vigo.

Cremas solares que incorporarían os beneficios das que existen actualmente no mercado e que evitarían os seus inconvenientes.

Efectivamente, na Escola de Enxeñería Industrial levan tempo traballando neste proxecto europeo que ten como obxectivo fundamental aproveitar residuos da pesca e darlles un valor engadido. Exactamente iso é o que conseguen reforzando, grazas ao láser, o efecto protector do fosfato cálcico ante os raios ultravioletas.

Na actualidade traballan man a man co Instituto de Investigacións Mariñas e co Cetmar para identificar as especies máis rendibles para este fin, co atún e o bacallau á cabeza. O seguinte paso será iniciar probas in vitro e in vivo e acometer a fase de comercialización, para a que contan con socios do proxecto en Italia e Francia.




 

Noticias web

30/05/2019