CRTVG

Buscar

Investigadores galegos desenvolven unha nova ferramenta que permite secuenciar e analizar as variantes do coronavirus

Publicado o 13/09/2021 15:13

No Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, é onde se creou esta nova ferramenta que mestura ciencia e tecnoloxía e que se suma á loita contra a covid-19. Antonio Salas, investigador do IDIS, explica que "consiste en facilitar o traballo dos laboratorios que fan secuenciación do xenoma do virus en pacientes infectados. Podemos ver que mutacións caracterizan a secuncia do virus dese paciente, ou se pertence a algunha das variantes que xa coñecemos".

Así, a través desta plataforma de análise é posible estudar os gromos máis importantes, vendo cales son os xenomas responsables dos contaxios masivos. Tamén ofrece unha foto global da distribución xeoespacial do coronavirus polos diversos lugares do mundo.

"Nós podemos investigar a dinámica dese virus no contexto mundial, se ese virus está xurdindo noutras partes do mundo ou está relacionado con outros virus existentes noutros países", explica Salas.

Unha ferramenta destinada a facilitar o traballo de laboratorios e hospitais, capaz de buscar mutacións nunha base de datos con máis de 1,4 millóns de virus secuenciados, ofrecendo resultados en cuestión de segundos, e que, ademais da covid-19, no futuro tamén podería empregarse para estudar outros virus.

Noticias web

13/09/2021