CRTVG

Buscar

Expertos do CSIC investigan a orixe dos aneis dos nove bispos de Ourense

Publicado o 18/10/2021 19:15

O CSIC está a analizar peza por peza os elementos que compoñen o tesouro da catedral de Ourense. Son pezas chegadas dende toda a diocese, cuxa composición se analiza no tocante aos elementos simbólicos que conteñen e aos métodos con que foron elaboradas. Destacan especialmente os xa famosos aneis dos nove bispos atopados en Santo Estevo de Ribas do Sil.

Máis alá da súa antigüidade ou propiedade, os chamados aneis dos nove bispos atopados en Santo Estevo dan soporte real ás lendas que se contan sobre eles dende hai séculos. Agora expertos de seis países analizan os aneis para determinar a súa composición, data de elaboración e simboloxía. Levan catro anos investigando e van prorrogar os estudos pola importancia que teñen dentro do conxunto do tesouro do bispado de Ourense. Dezasete técnicos están a valorar unha por unha as 30 pezas que o compoñen.

"Cada investigador traballa na súa especialidade co obxectivo de dar unha idea de conxunto", explica o invetigador do CSIC Therese Martin.

A bolsa que contiña os aneis tamén vai ser clave para saber máis sobre a súa procedencia. Os investigadores analizan ademais outras pezas únicas, como o xadrez de cristal de rocha do século XI ou o relicario de marfil macizo que puido chegar dende Sicilia ou Exipto e ser empregado para conter balanzas de precisión de ourives ou farmacéuticos.

"Unha das preguntas é quen puido ter utilizado estas caixas para conter balanzas tan pequenas", sinala a investigadora do CSIC Silvia Armado.

Os aneis dos nove bispos apareceron por casualidade durante unhas obras de reforma de San Estevo e xa foron protagonistas dunha novela da escritora María Oruña.

Noticias web

18/10/2021