CRTVG

Buscar

Investigadores de Santiago predín o resultado da terapia de cancro de mama

Publicado o 02/04/2019 18:03

Un equipo do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, IDIS, descubriu o xeito de predicir a resposta á quimioterapia de pacientes de cancro de mama triplo negativo. O achado supón un importante avance no tratamento destas doentes, xa que permite personalizar a súa terapia.

"O que fixemos foi descubrir a alteración epixenética en dous xenes que nos permiten saber no cancro de mama triplo negativo se as pacientes van responder favorablemente ao tratamento de quimioterapìa antes de comezar o tratamento".

O tumor de mama triplo negativo ten especial incidencia en mulleres novas e caracterízase pola súa elevada agresividade e mal prognóstico. Poder saber con anterioridade a resposta destas pacientes á quimioterapia evitaría que se lles aplique e posibilitaría derivalas a outro tipo de terapias ou ensaios clínicos alternativos.

De momento, o estudo realizouse sobre 54 pacientes.

Ángel Días Lagares, codirector da Unidade Epixenómica do Idis: "O que precisarían é ampliar o estudo con máis pacientes para poder confirmar os resultados e poder implementalo na práctica clínica". 

O equipo investigador tamén persegue identificar os marcadores, en vez de no tumor, a través dunha proba non invasiva como é a biopsia líquida.



 

 

Noticias web

02/04/2019