CRTVG

Buscar

Investigadores da Universidade da Coruña crean unha guía para os deberes escolares de calidade

Publicado o 20/11/2020 15:13

Polo xeral, son bastante impopulares entre pais e alumnos, pero o certo é que xogan un papel importante na aprendizaxe. Quitarlles a mala sona aos deberes escolares e conseguir que motiven os nenos foi o reto que asumiron na facultade de Ciencias da Educación da Coruña, así que elaboraron unha guía de como teñen que ser os deberes de calidade. 

O coordinador do Grupo de investigación de Psicoloxía Educativa da UDC, Antonio Valle, explica que os deberes "ben prescritos" e de calidade, cumpren unha función "esencial", que é potenciar "a aprendizaxe autónoma do alumnado" e que "se enfronte á realidade".

Pero afirma que para que sirvan, teñen que motivar o alumno. Propoñen cinco requisitos para conseguilo: o primeiro, a diversidade.

"Detectar as posibles diferenzas entre o grupo de alumnado, e propoñer tarefas que atendan a esa diversidade", afirma Valle. 

Quedan fóra as tarefas repetitivas e mecánicas. Teñen que ser encomendas concretas e ben definidas para que o alumno detecte que é o que se lle pide, e vexa a súa utilidade.

"Poden ser útiles para o día de mañá, ou para un traballo que teñen que facer en público, ou para ir á compra", explica o coordinador do estudo. Tamén di que é mellor encargalos cun prazo dunha semana para que o alumno aprenda a organizar o seu tempo, e que se corrixan sempre. O alumno ten que "aprender a verlle o lado positivo aos errores, ver que para aprender hai que equivocarse". 

Confirmaron a eficacia destas medidas en máis de 30 aulas de quinto e sexto de primaria. Os deberes de calidade melloraron a motivación e o compromiso, non só dos estudantes, senón tamén do profesorado.

Noticias web

20/11/2020