CRTVG

Buscar

Investigadores da Misión Biolóxica de Galicia elaboran aceite de sementes de uva, rico en propiedades

Publicado o 16/07/2019 14:40

O grupo de viticultura comentaba hoxe os últimos achados dunha investigación pioneira que iniciaron xa hai uns anos: a obtención de aceites monovarietais de uva branca autóctona, unha iniciativa sostible cuxo primeiro beneficio é o aproveitamento de residuos. Din que cada variedade é un mundo, o único que non cambia é o proceso polo que o obteñen a partir do bagaño industrial.

Carmen Martínez Directora de viticultura na Misión Biolóxica de Galicia: "Unha vez sae o bagaño da prensa, nós separamos as sementes e sometémolas a un proceso de lavado e secado, e despois sométense a prensado en frío para extraer os aceites do seu interior".

Contan que para extraer medio litro de aceite se precisan dez quilos de sementes, polo que se trata dun ben cobizado. Ao mesmo tempo que o elaboran, estudan as súas propiedades, con resultados sorprendentes.

Carmen Martínez, directora de viticultura da Misión Biolóxica de Galicia: "É rico en flavonoides, que artigos científicos demostran os efectos beneficiosos para a saúde en moitos aspectos... En saúde cardiovascular e incluso se estudan os efectos antitumorais".

Este tipo de aceite xa se está a empregar para os coidados da pel, de feito neste centro adscrito ao CSIC están a aumentar os pedidos por parte de empresas, pero dentro de pouco tamén o poderemos probar nas comidas.

Carmen Martínez, directora de viticultura da Misión Biolóxica de Galicia: "Para o consumo humano en España está o borrador xa preparado e está a punto de aprobarse a normativa e a lexislación pertinente para permitir o uso e elaboración destes aceites".

Pretenden seguir colaborando man a man con pequenos negocios que aproveiten os descubrimentos que se leven a cabo no laboratorio, co fin de ofrecer alternativas que reforcen o medio rural.

Noticias web

16/07/2019