CRTVG

Buscar

Investigado por un delito contra a seguridade viaria o condutor "sorprendido" por unha rotonda

Publicado o 13/02/2020 13:49

 

Ata catro anos sen carné e mesmo pena de prisión lle podería custar a un veciño de Xinzo o accidente cunha rotonda que o sorprendeu no medio da estrada. O home, que quintuplicaba a taxa de alcol permitida, non lembraba que houbera ningunha rotonda na viaxe de ida.

Moito está dando que falar o caso da rotonda en Xinzo de Limia: "Boh! Isto é... nas redes sociais e en todos os sitios... É que é cachondo. O homiño iría algo mal e non viu o sinal. Porque a rotonda debe levar aí sete ou oito anos".

Vai para unha década que se fixo esta rotonda na Nacional 525, pero ao condutor deste coche colleuno por sorpresa: "O home pasou para Xinzo e colleu a rotonda ben, pero cando veu de volta chimpou o sinal e todo e seica lles dixo aos axentes: mirai, a rotonda, cando eu pasei para Xinzo, non estaba". "E dicía: ah! cando apareceu esta rotonda se, inda, pouco hai, pasei eu por aquí e non había", comentan os veciños.

Atravesou a rotonda coma se fose unha recta e non parou ata 50 metros máis alá.

Juan Carlos Nogueiras, tenente do destacamento de Tráfico de Verín: "O vehículo viña circulando desde a zona urbana de Xinzo. Ao chegar á rotonda, non a puido tomar e acabou montando enriba da mesma, arrincou os sinais e acabou batendo aquí onde se ven os restos de pintura dos sinais que arrincou".

O condutor, de 37 anos, e veciño dunha aldea de Xinzo, quintuplicada a taxa de alcol así que será investigado por un delito contra a seguridade viaria que pode implicar penas de prisión.

Juan Carlos Nogueiras, tenente do destacamento de Tráfico de Verín: "As penas ás que se enfronta son: pena de prisión de 3 a 6 meses, traballos en beneficio da comunidade de 30 a 90 días, multa de 6 a 12 meses e privación do permiso de conducir de 1 a 4 anos".

Tamén podería ter que facerse cargo dos danos na rotonda, se o seguro lle reclama o importe da reparación.

Noticias web

13/02/2020