CRTVG

Buscar

Investigado por malos tratos animais o home que lle disparou á súa cadela en Chantada

Publicado o 09/12/2019 13:42
Investigado por malos tratos animais o home que lle disparou á súa cadela en Chantada

O home que supostamente lle disparou á súa cadela nunha aldea de Chantada foi imputado como investigado por un delito de malos tratos animais, á espera de que compareza ante o xulgado de Chantada, segundo informaron fontes do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Os mesmos informadores precisaron que o Xulgado de Chantada non decretou aínda ningunha medida cautelar en relación co suposto autor do disparo que acabou por custarlle a vida á cadela, despois de varios días ingresada en estado grave no Hospital Clínico Veterinario Rof Codina, á espera de que se produza a súa comparecencia en sede xudicial.

A Consellería de Medio Ambiente puxo este caso en mans das Fiscalía de Lugo, unha vez recibida a denuncia procedente do posto da Garda Civil de Chantada e, a pedimento do Ministerio Público, este caso chegou ao Xulgado de Chantada.

Medio Ambiente tamén se fixo cargo de buscarlle unha familia de acollida, tutelada pola súa propio persoal, aos seis cachorros da cadela.