CRTVG

Buscar

Investigado por homicidio por imprudencia o sobrevivente do accidente de Salceda

Publicado o 22/03/2021 20:00

Un equipo especializado de Tráfico investigará o sinistro

Son as tremendas imaxes que deixa o choque frontal entre dous vehículos ocorrido a fin de semana en Parderrubias, en Salceda. As primeiras probas recollidas no lugar do accidente apuntan a que un dos vehículos invadiu o carril contrario. Conducíao un mozo de 32 anos, natural do Porriño. O home foi hospitalizado en estado grave.

Para intentar esquivar o impacto, o coche que ía en sentido contrario fixo unha manobra brusca, pero non conseguiu evitar o accidente. Neste vehículo viaxaba unha muller de Salvaterra de 38 anos e os seus fillos de 13 e 6 anos. Todos perderon a vida no sinistro.
Os 3 mortos e o ferido grave eran os únicos ocupantes dos turismos.

O accidente produciuse nun treito en que os dous carrís de subida se converten nun só. Todo parece indicar que o mozo, que ía subindo, non se deu conta de que remataba o seu carril e seguiu a súa traxectoria polo centro da calzada. De feito, os dous coches quedaron tras o impacto no medio e medio da estrada.

De entrada, o Xulgado de Instrución número 1 de Porriño abriu unha investigación ao mozo por un delito de homicidio por imprudencia grave. Porén, esta acusación podería cambiar.

Un equipo de Tráfico especializado na reconstrución de accidentes terá que investigar as causas exactas do sinistro e determinar detalles como a velocidade ou a posición dos vehículos no momento en que chocaron.

O informe inicial de Tráfico está preparado en poucas horas. Pero unha investigación máis complexa, coma esta, podería levar semanas de traballo. Este atestado definitivo entregarase ao xulgado que leva o caso.

 

Noticias web

22/03/2021