CRTVG

Buscar

Inaugúrase en Ourense 'Diario de artista', unha escolla das obras máis representativas do escultor Manuel Buciños

Publicado o 05/03/2020 21:40

Este serán inaugurouse en Ourense a exposición Diario de artista, unha escolla das obras máis representativas do escultor Manuel Buciños. A exposición enmárcase nunha programación que repasa a traxectoria do artista natural de Buciños, aínda que criado e residente en Ourense, a través desta mostra, dun faladoiro sobre a súa figura e dun libro cuxo protagonista é o escultor. Ademais, será declarado fillo adoptivo de Ourense.

Se se lle fala de influencias, cita o seu avó Francisco. Se se lle chama artista, di que artista do común. Se se lle di que a exposición é unha homenaxe ao seu traballo escultórico que abrirá un ciclo para as novas xeracións, réstalle importancia.

Formalismos e homenaxes á parte, se se lle pregunta pola escultura, aí si que atopa resposta. A escultura é a súa vida.

E se non lle preguntamos e só vemos as súas pezas, a súa ben podería ser a escultura da tenrura. Tenrura vestida de bronce, pedra e madeira que ocupa xa o Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense. Asina un escultor que aspira a ser novo. Asina Buciños, se nos permite, o artista das apertas.

Noticias web

05/03/2020