Intervidas cinco plantacións de marihuana na provincia de Pontevedra
Publicado o 10/09/2021 10:43

As forzas de seguridade incautáronse nas últimas horas de cinco plantacións de marihuana na provincia de Pontevedra, cun total de seis detidos. En Pontevedra, axentes da Policía Local interviñeron unha plantación nunha leira de Ponte Sampaio, onde as plantas acadaban os dous metros de altura. Os axentes acudiron ao lugar alertados polos veciños, que percibiron un forte cheiro a marihuana. No mesmo lugar identificaron o suposto responsable, un home de 34 anos que foi arrestado. E no Baixo Miño interviñéronse catro plantacións cun total de 52 plantas. As incautacións producíronse en Tui, Tomiño e O Rosal. Nestes concellos a Garda Civil detivo cinco persoas.