CRTVG

Buscar

Aprehendidas 2.800 plantas de marihuana nunha operación con 23 detidos en Andalucía

Publicado o 31/08/2019 11:06

A Garda Civil, no marco da denominada operación "Bora White", aprehendeu unhas 2.800 plantas de marihuana e 13 vehículos durante 13 rexistros domiciliarios en vivendas, casaríos e naves nas provincias de Málaga, Córdoba e Sevilla, unha actuación na que detiveron 23 persoas. Segundo detalla a Benemérita nun comunicado, tamén se incautaron de dez quilos de gromos desta droga, 863 gramos de cocaína, 21 quilos de haxix, efectos procedentes de diferentes roubos cometidos en vivendas e un revólver do calibre 38, que se lle requisou ao xefe da organización. Unha das plantacións desmanteladas tiña 860 exemplares. A este zulo accedíase a través dun sofisticado sistema de ocultación que se atopaba baixo unha reixa de desaugadoiro. O abundante fluído eléctrico necesario para sacar adiante este tipo de cultivo ilícito era producido por un xerador eléctrico de gasóleo, que se atopaba oculto nun contedor metálico de transporte, situado no exterior da leira onde se achaba esta nova plantación. Eludíase así as posibles investigacións das compañías eléctricas por enganches ilegais de electricidade, normais neste tipo de delito.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

31/08/2019