Interpretacións do contrato de alugueiro enfrontan o propietario e os inquilinos dunha casa en Moaña
O dono sostén que os inquilinos da súa casa en Domaio, Moaña, tiñan que abandonala xa hai uns días, porque a precisa para vivir.
O contrato cumpriu un ano e nese tempo tamén houbo un intercambio de denuncias entre unha parte e a outra. Falamos cos avogados das dúas. O dos inquilinos sostén que teñen dereito a seguir na vivenda porque investiron cartos en arranxos e engade:
Luis Pena, avogado dos inquilinos: "O noso cliente ten un período de tempo legal de cinco anos. O propietario, se quere recuperala por unha causa excepcional, ten que demostrar que necesita esa vivenda. Non é suficiente con que diga que a necesita. Teno que xustificar e ata este momento non o xustificou".
O avogado do dono sostén que se está a producir unha ocupación ilegal e exhibe o contrato de arrendamento.
Miguel Sánchez, avogado do dono da casa, sinala que ese documento "establece que pasado o primeiro ano do contrato, cunha antelación de dous meses, se lle comunicará por burofax ou de maneira fehaciente, o que xa se fixo, que se necesita a vivenda. A isto non lle deron resposta, só responderon a través dos medios de comunicación, en ningún momento o meu cliente tiña coñecemento de que tiñamos que xustificar algo máis que dicir que necesita a vivenda, porque é a única que ten. Agora mesmo están a ocupar ilegalmente a vivenda".
Preguntamos se o conflito se podería superar cunha negociación entre as partes.
O avogado dos inquilinos afirma: "Eu estou disposto a sentar e falar de todo, pero a primeira condición é que se deixe de acosar a familia que está dentro. Estou disposto a falar. Se se chega a un entedemento, estupendo, e se non, que o resolvan os tribunais".
E o dos dono da casa di que "posibilidade de negociación, pola nosa parte foi toda, de maneira amistosa chamando ao despacho de avogados sen recibir ningún tipo de resposta e a través dun burofax que mandamos ao señor arrendatario dicindo que o 16 de xaneiro tiña que abandonar".
Todo apunta a que será a xustiza quen decida.