Interior insiste en que o traslado de inmigrantes das Canarias á Península é puntual
Outros sete inmigrantes chegaron a mediodía deste venres ao aeroporto valenciano de Manises desde Lanzarote. Nos últimos días, máis de 300 repetiron este traxecto. Pero o Goberno insiste en que son viaxes privadas e que non hai ningún traslado masivo en marcha.
Fernando Grande-Marlaska, ministro do Interior, asegura que "unicamente o Ministerio deu autorización a traslados moi esporádicos á península desde as Canarias e como consecuencia de colectivos vulnerables ou susceptibles de ter protección internacional".
Unha versión que non cre o Sindicato Unificado da Policía. O seu voceiro, Carlos Morales, afirma que "se están realizando, e isto supón un efecto chamada para o resto de inmigrantes que están nos seus países de orixe para que sigan vindo ao arquipélago canario".
Tampouco o cre VOX. Iván Espinosa de los Monteros, o seu voceiro no Congreso, critica que "nun momento en que os españois non poden moverse pola península, non poden moverse por España con liberdade, resulta que o Goberno si está movendo inmigrantes con nocturnidade, con aleivosía, dun xeito irregular, porque non queren que se vexa, sen un control sanitario". Ao que responde o ministro: "desde algúns ámbitos parece unirse inimigrante irregular e pandemia, e a iso eu chámoo xenofobia".
Interior explica que todos os inmigrantes interceptados no arquipélago son sometidos a probas PCR, pero admite tamén que despois de 72 horas non poden impedir que queden libres para moverse a onde queiran.