CRTVG

Buscar

Interior detecta "200 eventos de desinformación grave" para manipular os cidadáns

Publicado o 13/04/2020 23:12

O ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, advertiu este luns dunha "campaña destinada a mentir aos cidadáns e manipular a opinión pública" tras detectar 200 noticias falsas con falsas curas, vacinas e medicamentos ou coa manipulación de documentos oficiais. O ministro dixo ser consciente da "incerteza que as desinformacións e noticias falsas poden causar na nosa convivencia". "Hai unha minoría que se dedica desgraciadamente a remar en dirección contraria, con desinformacións e noticias falsas que toman como gancho a COVID-19, e que non teñen outra intención que intoxicar e causar desacougo ao conxunto de cidadáns," sinalou Marlaska.

Trátase, engadiu, dunha "campaña destinada a mentir aos cidadáns e a manipular a opinión pública", o que "non é só un grave atentado contra a saúde democrática senón un atentado contra a saúde pública", xa que "efectuar unha comunicación enganosa en materia de vacinas e medicamentos pode provocar riscos importantes". En concreto, Interior monitorou 200 eventos de desinformación grave, relacionados con curas, vacinas, con informacións confusas dos propios sistemas sanitarios e que manipulan documentos oficiais. Por iso, pediu ser "coidadosos" porque "non é fácil atallar falsidades" aínda que desde o Goberno seguirán sendo "contundentes con todos eses elementos que pretenden infundir odio, inxuriar, calumniar e causar alarma social".

"A desinformación só se neutraliza con verdade e transparencia, e iso realízase desde as forzas e corpos de seguridade do Estado. Marlaska lembrou que aínda non existe unha vacina contra o coronavirus , "si podemos vacinarnos contra a desinformación e noticias falsas" e que "a mellor arma é non compartir nada sobre aquilo que non teñamos certeza da fonte da que vén".

Noticias web

13/04/2020