CRTVG

Buscar

Interior defende "o retorno de menores a Marrocos" malia as críticas

Publicado o 16/08/2021 15:01

Dende o venres pasado, as autoridades españolas devolven cada día 15 menores a Marrocos, e xa van 60. Todos eles entraran en Ceuta durante a crise migratoria vivida en maio. O ministro do Interior asegura que non se trata dunha expulsión, senón "dun retorno asistido dos menores conforme a un marco normativo". Segundo Fernando Grande-Marlaska, "eles querían volver ao seu país pero, fundamentalmente, o que se garante é o interese superior do menor".

Pero son moitas as voces que se pronuncian en contra. O defensor do pobo, a Abogacía española, o relator da ONU sobre dereitos humanos e numerosas organizacións non gubernamentais piden o cese das repatriacións de menores. Tamén Podemos, socio da coalición, considera que se están violando os seus dereitos. Segundo a secretaria de Organización do partido, "deportar nenos a Marrocos incumpre a normativa nacional e internacional", por iso esixe o seu cese inmediato. Así llo trasladou nas últimas horas Yolanda Díaz a Pedro Sánchez.  "Os dereitos humanos non son un pin de quita e pon", asegurou Lilith Verstrynge nunha entrevista radiofónica.

Críticas tamén dende o Partido Popular a Pedro Sánchez, "cos seus ministros dicindo uns unha cousa e outros a contraria, con bandazos absolutos en política migratoria", asegurou a súa vicesecretaria de Política Social. Para Ana Pastor, "pasamos do Aquarius a agora a expulsión de menores". Reclámanlle ao Goberno que se cumpra a lei e un pacto de estado en materia de migración.

Noticias web

16/08/2021