CRTVG

Buscar

Interceptan unha muller circulando en patinete eléctrico pola AP-9

Publicado o 07/10/2019 13:39

En patinete eléctrico e pola autoestrada. Así viaxaba a muller, de 36 anos e veciña de Pontevedra, que foi interceptada por unha patrulla da Garda Civil de Tráfico, o domingo ás dez menos cuarto da mañá. Os axentes recibiron un aviso e inmediatamente enviaron unha patrulla motorizada que se atopaba na zona. Circulaba pola autoestrada sentido A Coruña, e foi detida no quilómetro 129, á altura da propia comandancia.

Juan José López Castro, tenente do destacamento de Tráfico da Garda Civil de Pontevedra, explica como os axentes motorizados pediron o apoio doutra patrulla con vehículo de catro rodas, para sacar a muller da autoestrada.

A muller percorreu uns 2 quilómetros pola autoestrada. Accedeu á AP-9 pola incorporación de Lourido, en Poio. Atravesou a mediana e, tras cruzar a ponte da Ria cara a Pontevedra, foi interceptada.

Ela explicou que se dirixía á praza de Pontevedra, que se desorientou, e se viu na autoestrada e optou por empregar o traxecto máis próximo.

"É unha conduta de risco, temos a fortuna de que non se produciu ningunha desgraza", explican dende a Garda Civil.

A infractora, que deu negativo no control de alcolemia e drogas, tamén lles explicou aos axentes que o vehículo tiña problemas de batería.. Enfróntase a unha sanción económica de 100 euros. Pero a Garda Civil incide no risco de prácticas coma esta, que en caso de producirse danos maiores poden conlevar responsabilidade penal.

Dende a Garda Civil recordan tamén que os vehículos de mobilidade persoal só se poden usar en contornos urbanos, non interubanos, e sempre baixo a normativa municipal vixente.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/10/2019