Interceptan un veleiro que traía a Galicia máis dunha tonelada de cocaína
Interceptan un veleiro que traía a Galicia máis dunha tonelada de cocaína. A operación Bateas sáldase ata o momento con 12 detidos, cinco deles a bordo da embarcación. Pero tamén houbo arrestos en terra.
A organización criminal responsable tiña a súa base na comarca do Salnés. Polo de agora, sabemos de sete detencións en terra. Houbo ademais sete rexistros en Cambados, Vilanova, Caldas, Redondela e Moaña.
O veleiro foi interceptado ao sur das Azores nunha operación conxunta da Policía, Garda Civil e Axencia Tributaria. Calcúlase que no interior do barco hai uns 1.200 kg de cocaína.
O barco viaxa agora escoltado cara ás Canarias, a onde chegará a próxima semana.
A operación, dirixida pola Audiencia Nacional, comezou en decembro de 2019. O veleiro saiu do porto de Cobres, en Vilaboa, e cargou a droga procedente de Suramérica a 600 millas de Cabo Verde.