Interceptan un motorista en Nigrán a 121 quilómetros por hora nun tramo a 50
Un motorista de 21 anos foi captado por un radar da policía case duplicando a velocidade permitida nunha estrada de Nigrán. Dende a Garda Civil alertan do risco deste tipo de actuacións, especialmente para os demais condutores.
Interceptado a 121 quilómetros por hora nun tramo de vía limitado a 50 que, amais, está considerado de especial vixilancia como ruta protexida para ciclistas. O condutor é un veciño de Gondomar de 21 anos que circulaba ás cinco e vinte da tarde pola estrada PO-552 no concello de Nigrán.
Un equipo radar do destacamento de Tráfico da Garda Civil do Porriño detectou o vehículo a gran velocidade, e agora o condutor enfróntase á perda de seis puntos do carné de conducir e unha sanción económica de 600 euros.
Dende Tráfico alértase deste tipo de conducións temerarias, que son un problema grave para a seguridade viaria, non só para os responsables, senón para os demais condutores e usuarios das estradas.