CRTVG

Buscar

Interceptan un home en Pontevedra que conducía un patinete eléctrico ebrio e espido

Publicado o 30/08/2021 17:26
Interceptan un home en Pontevedra que conducía un patinete eléctrico ebrio e espido
EFE

A Policía Local de Pontevedra denunciou un home de 33 anos que foi interceptado mentres conducía un patinete eléctrico por Pontevedra en estado ebrio e completamente espido.

Os axentes deronlle o alto ao home sobre a unha e media da pasada madrugada en Don Gonzalo, en pleno centro histórico da cidade. Na proba de alcolemia que lle realizou a Policía Local, o condutor do patinete deu un resultado positivo de 1,11 miligramos de alcol por litro de aire expirado.

Foi denunciado pola vía administrativa e terá que pagar unha multa de 1.000 euros, segundo informou a Policía Local de Pontevedra. Tras inmobilizar o vehículo, ata o lugar achegouse o dono do patinete, que se fixo cargo del e explicou aos axentes que o levaría para a súa casa da man.

Pero media hora despois, este tamén foi interceptado pola Policía Local conducindo o patinete eléctrico e deu positivo por alcolemia, cun resultado de 0,61 mg/ l. Esta segunda persoa, que ten 37 anos, tamén foi denunciado e expoñerase á mesma multa, uns 1.000 euros, que o amigo ao que lle prestaba o vehículo.

Noticias web

30/08/2021