CRTVG

Buscar

Interceptan un condutor septuaxenario que triplicaba a taxa de alcol permitida

Publicado o 26/05/2020 10:30
Interceptan un condutor septuaxenario que triplicaba a taxa de alcol permitida

A Garda Civil sorprendeu un veciño de Salvaterra de Miño de 75 anos de idade que conducía  baixo os efectos do alcol. O home deu positivo na taxa de alcolemia cun índice de 0,76 mg, cando a taxa máxima permitida é de 0,25.

Os feitos tiveron lugar o sábado pola tarde no quilómetro 297 da A-52, onde os axentes interceptaron o vehículo e procederon a realizarlle probas ao condutor. Ademais de triplicar a taxa máxima permitida, o home carecía de permiso de condución, xa que perdera a totalidade dos puntos do carné por infraccións previas.

O equipo de atestados do destacamento de Tráfico do Porriño instruíu as dilixencias, que serán remitidas ao xulgado de garda de Ponteareas.

Motorista bébedo
Esa mesma madrugada, sobre as 2:00 horas, unha patrulla foi requirida despois de que unha motocicleta saíra da vía no concello en Nigrán.

O implicado no accidente, un veciño de Vigo de 30 anos, deu positivo nas dúas probas de alcolemia que lle realizaron, con taxas de 0,76 e 0,79 mg por litro de aire expirado. Quedou ferido leve.