CRTVG

Buscar

Interceptado un barco galego con 1.200 quilos de cocaína

Publicado o 31/07/2020 14:30

Máis dunha tonelada de cocaína, que presuntamente tiña como destino Galicia, foi intervida este xoves en augas do Atlántico a bordo dun veleiro. O buque partiu en xuño do porto de Santo Adrián de Cobres. En concreto, o Nergha, matriculado en Vigo, partiu do porto de Cobres en Vilaboa e atravesou a ría de Vigo o 16 de xuño.

O seguinte foi baixar paralelo pola costa de Portugal ata chegar a Cascais, para facer escala. Baixar ata o Algarve, seguir costeando por Huelva e chegar Cádiz supuxo o seguinte tramo.

Despois o veleiro entrou en augas africanas para para ir ata Cabo Verde. A unhas 600 millas ao oeste de terra recibiu o cargamento de droga, que partira dalgún punto por determinar da costa de América do Sur.

Enseguida puxo rumbo ao norte supostamente a algún punto próximo a Galicia. Entre as illas Azores e Canarias interceptouno un barco da Armada e navegan cara o porto das Palmas.

Dentro leva 39 millóns de euros en cocaína. 1.200 quilos. No veleiro tamén atoparon os catro tripulantes, identificados na operación, que saíran de Vigo, dous españois, un portugués e un brasileiro e tamén unha quinta persoa que subíu o bordo nalgún momento da travesía.

A embarcación xa chamara a atención dos investigadores en decembro cando pediu auxilio a Salvamento para chegar a porto despois dunha travesía estrana fronte as costa galega e quedar varado de noite cerca da Illa de Arousa nos baixos coñecidos como os Petóns.

O xulgado central número catro da Audiencia Nacional é o que leva a operación Bateas e xa ordenou polo menos sete rexistros en vivendas do Salnés; en Cambados, Vilanova de Arousa, Caldas de Reis, Moaña e Redondela despois de oito meses de investigación.

Nos meses de pandemia souberon que o barco estaba a prepararse para mellorar a súa capacidade de facer viaxes de longo percorrido.

Noticias web

31/07/2020