Interceptado en Cambados un condutor cun taboleiro de 8 metros no teito
Nun vídeo difundido pola Garda Civil apréciase o movemento dos taboleiros que levaba o coche. O home decidiu empregar o seu turismo para transportar varios taboleiros de oito metros de longo, nun Peugeot 206, sen ter en conta o perigo que iso representaba para o resto de persoas que circulaban pola estrada.
A detención do condutor foi aquí, diante do colexio, onde comeza o lugar da Seca, nunha estrada secundaria de Corvillón. A lonxitude das chapas sobre o teito do vehículo excedía con moito o permitido, xa que en vehículos que non son de transporte o obxecto transportado só pode sobresaír o 15 % da lonxitude do coche pola parte de atrás, se non se pode dividir. E non pode sobresaír por diante. Neste caso das dimensións dos vultos dobraban o lonxitude total do coche.
Os axentes procederon a dar o alto ao condutor por circular de xeito manifestamente temerario, xa que había un evidente risco de desprendemento dos taboleiros e podía ocasionar perigo tanto para o condutor como para os demais usuarios da vía. O vehículo quedou inmobilizado e o seu condutor enfróntase a unha sanción mínima de 500 euros e seis puntos.
Non foi o único caso de condución temeraria nas últimas horas. Tráfico interceptou en Ourense un condutor que ía pola estrada de Ourense a Maceda cun fato de tubos rectagulares que sobresaían pola ventá dereita máis dun metro. O coche tamén quedou inmobilizado e multaron o condutor, xa que nunca pode sobresaír lateralmente o que transportemos do ancho do coche.