CRTVG

Buscar

Intentan reducir con predadores e trampas a praga de rata toupas que estraga os pastos da montaña de Lugo

Publicado o 13/02/2020 14:16

Oito concellos da montaña luguesa están afectados pola expansión da rata toupa. Medio Rural vai aplicar varios sistemas de control para reducir a poboación desta especie que dana gravemente as praderías.

A presenza das rata toupas é ben visible nas áreas de pasto de Pedrafita, O Courel, Cervantes ou Triacastela desde finais do ano pasado. Este roedor é coñecido de vello nestas zonas, porque é unha especie autóctona que a cada tanto se converte en problemática porque aumenta moito a súa poboación e estraga as praderías de montaña.

Víctor Álvarez, xefe de Produción Vexetal de Medio Rural en Lugo: "Ao alimentarse das raíces da herba está mermando a produción. Isto non veu de fora, senón que pervivía aquí; o que hai é que mantela en certos niveis".

A súa última expansión foi no 2008. Daquela controlárona con sistemas que hoxe en día non se poden empregar. Como alternativa vanse utilizar outros semellantes aos que usan en Asturias, onde esta especie estraga tamén as plantación de maceiras.

"Imos empregar fauna depredadora, trampas que están funcionando moi ben noutros sitios e mesmo empregar uns rulos que incomodan bastante as ratas e cos imos facer unha captura delas para baixar a poboación", di Víctor Álvarez.

Segundo datos da Consellería de Medio Rural, a praga das rata toupas afecta actualmente unhas 1.600 hectáreas de pastos do nordeste de Lugo.


 

Noticias web

13/02/2020