CRTVG

Buscar

Intentan estafar a familia da muller asasinada en Foz co traslado do seu corpo

Publicado o 07/11/2019 14:28

As bandeiras seguen ondeando a media hasta en Foz dentro dos tres días de loito oficial decretados polo Concello en sinal de dó pola morte de Minaene Franco, a muller que morreu acoitelada, supostamente, a mans do seu propio fillo.

A comunidade brasileira da Mariña, formada por unhas trescentas persoas, está a recadar cartos tanto para repatriar o cadáver de Minaene ao Brasil como para que unha das súas irmás poida desprazarse a Foz para facerse cargo do corpo. Ademais, no estado brasileiro de Tocantins, de onde é a familia, tamén se está a facer unha colecta a través de Internet.

"Pedimos a colaboración de todos os que poidan axudar porque é unha situación moi complicada"

Segundo as amigas da falecida, a súa familia vive nunha zona rural das máis pobres do Brasil, polo que teñen complicado mesmo desprazarse á capital para obter o pasaporte que lles permita viaxar a España. Malia a gravidade do acontecido e a mala situación da familia, un desaprehensivo tentou estafalos ofrecéndose a trasladar o corpo de Minaene a cambio de 4.000 euros que debían ser entregados antes do suposto traslado. Por fortuna, o intento de estafa, que se realizou mediante unha rede social, foi detectado a tempo.

"Tentaron estafalos ofrecéndolles un traslado a cambio de 4.000 euros, cando iso non chega nin para a incineración".

A familia de Paola ofreceuse a acoller os familiares de Minaene se conseguen chegar a Foz. Tamén fan un chamamento aos veciños da Mariña para que colaboren na colecta. Esta tarde van abrir unha conta bancaria para recibir os donativos.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

07/11/2019