Os cribados itinerantes na busca de asintomáticos xa están operativos en todas as áreas sanitarias
Os cribados itinerantes para facer probas de antíxenos intensifícanse en Galicia. Con este dispositivo perséguese un obxectivo ben claro: achegarlle á poboación a posibilidade de realizar o test de antíxenos para a detección de asintomáticos. A Xunta habilitará carpas para os cribados en 14 distritos sanitarios de Galicia, coa posibilidade de imprimir os certificados administrativos de proba, vacinación ou enfermidade superada.
"Levo días que me atopo mal e quero saír de dúbidas", conta unha moza que acode ao punto itinerante situado fronte ao Náutico de Vigo. Para esclarecer casos como o desta moza instalou o Sergas os dispositivos móbiles para realizar probas de antíxenos por toda Galicia, ata catorce puntos fixos, en camións coma este ou en carpas.
Toni Rodríguez Pena, supervisor da unidade covid-auto: "Hai un dobre obxectivo: dar os certificados que esixe a hostalería e logo buscar enfermos". O obxectivo é, polo tanto, aumentar a capacidade diagnóstica na comunidade, sobre todo na busca de asintomáticos, e para testar o estado dos máis novos, máis reticentes a realizar as probas.
Cada un acode polos seus motivos. Nestes puntos itinerantes non só fan os cribados, preferiblemente con cita; tamén emiten os certificados cos resultados dos tests, os de vacinación ou de ter pasado a enfermidade nos últimos seis meses.
O mellor de todo, tras os nervios esperando polo resultado, é que a proba resulte negativa.