Intensifícanse os controis de tráfico para evitar a mobilidade entre provincias
A Dirección Xeral de Tráfico intensifica os controis nas estradas para evitar os desprazamentos entre provincias, que na fase 2 da desescalada en que se atopa Galicia non están permitidos.
De cara á fin de semana, ante o aumento do tráfico rodado, establécense dispositivos de control aleatorios, a calquera hora do día, nos límites provinciais.
Segundo os axentes destacados nun deses controis, entre Padrón (A Coruña) e Pontecesures (Pontevedra), non se detectou un aumento significativo de infracións, e a maioría dos condutores que se desprazan entre provincias fano por un motivo xustificado e debidamente acreditado.
De non ter xustificación, os infractores enfróntanse a unha sanción económica e, ademais, se son interceptados, deberán retornar á súa orixe.