CRTVG

Buscar

Intensifican os controis en Xinzo para asegurar o peche do concello

Publicado o 08/01/2021 14:30

Control á primeira hora da mañá en Xinzo para evitar que se incumpran as medidas do peche perimetral do concello. Por mor do aumento dos casos activos, a Garda Civil e a Policía Local intensificaron estes días os controis entre a poboación.

"Debido á evolución da covid, nestas datas aumentaron desde a xefatura da comandancia os dispositivos no que son os accesos á localidade Xinzo de Limia e fanse en unión coa Policía Local e vimos tamén de postos limítrofes", explica o sarxento da Garda Civil de Calvos de Randín, Alberto Méndez.

Desde o Día de Reis tramitáronse máis dunha ducia de sancións, sobre todo, por desprazamentos inxustificados.

"Creo que somos bastante inconscientes". "Estabamos moi ben, pero as festas e as matanzas e esas cousas..., e aínda está por vir o de Reis". "Hai bastante preocupación si. Eu creo que os responsables de todo somos nós, nin o Concello nin os políticos, nin nada", aseguran os veciños.

Hai moita preocupación entre a veciñanza. Con 79 casos activos, os contaxios non pararon de subir nos últimos 20 días. Unha situación que está a paralizar a actividade na hostalería.

"Estamos sós porque a xente ten medo de todo o que está pasando e dos casos que hai, que nos culpa de moitas cousas que non é asi, pero somos os que pagamos os platos rotos", di un hostaleiro da vila.

"A xente está preocupada e asustada e non só o virus, se non todo o que conleva, o peche de locais e demaís, estamos todos moi preocupados", asegura unha veciña.

"Nós vimos de Barcelona é en Barcelona é aínda moito peror, pero para Xinzo ser tan pequeno hai moitos casos, demasiados casos", di outra veciña.

No nivel medio alto de restricións e cunha incidencia acumulada de 813 casos por cada 100.000 habitantes desde o concello de Xinzo a súa alcaldesa non desbota que poidan pasar de novo ao nivel máximo de restricións.

Noticias web

08/01/2021