CRTVG

Buscar

A Xunta di que o cambio de protocolo do Goberno obrigou a atrasar o inicio do curso en Secundaria

Publicado o 12/09/2020 18:50

Seguen os traballos para adaptar os institutos para a volta á aulas, adiada ata o 23 deste mes. O atraso dunha semana no ensino secundario está motivado, segundo o conselleiro de Educación, polo cambio do protocolo por parte do Goberno central a finais de agosto.

Malia todo, nos centros trabállase arreo para garantir o metro e medio de distancia. Visitamos hoxe o centro integrado de FP da Xunqueira en Pontevedra, onde estuda un milleiro de alumnos. 

Alí o novo conselleiro de Educación puido comprobar como se instalaron xa pantallas de separación e como se apuran as obras no interior e nos accesos ao centro para que todo estea listo en menos de dez días. Román Rodríguez cre que, coa semana adicional que teñen agora os centros, a volta ás aulas poderá achegarse á normalidade relativa. Atribúe estes problemas ao cambio de protocolo comunicado polo Ministerio de Educación a finais de agosto.

Marcas no chan para o recreo, marcas na cafetería, e barra habilitada só para pedir; duplicidade de accesos, un para auto e madeira e outro para electrónica e servizos. Separadores nalgunhas aulas e semipresencialidade nalgunhas clases, e desdobramento dalgunhas aulas son as claves que este centro de Pontevedra manexa para a volta a clase nos tempos da covid-19.

A dirección deste centro recolle as previsións da Consellería de Educación que tamén contempla contratación de novo profesorado. Malia todo, o conselleiro apuntou que as aulas estarían listas en secundaria como o estiveron en primaria de non ter lugar un cambio de criterio desde o Goberno de España a finais de agosto.

Desde a Administración galega non prevén novos atrasos agás en casos puntuais onde haxa contaxios ou corentenas.

Noticias web

12/09/2020