CRTVG

Buscar

Instalan unha tirolina entre o Blue Star e os cantís de Ares

Publicado o 27/11/2019 20:53

Coa marea alta e a pesar da chuvia,o vento e o intenso mar de fondo un operario lograba enganchar o cable que viña desde terra. Previamente, no alto do cantil instalárase o soporte en que vai conectado. Esta especie de tirolinia servirá de soporte das mangueiras polas que se transvasarán desde o Blue Star aos camións cisterna as cen toneladas de combustible que permanecen no interior do quimiqueiro embarrancado na proximidade das illas Mirandas.

A extracción aínda non foi posible porque debe facerse deseguido e con luz do día por razóns de seguridade. Ademais, hai outros traballos previos. O primeiro é transvasar o fuel e o gasóleo desde a popa ata a zona de proa do Blue Star, para o que é necesaria unha bomba de pulmón.

En terra tamén houbo moito que facer, adaptar os accesos para os camións e construír a solleira de formigón de secado rápido onde se puxo a base que sustenta a tirolina.

Na zona seguirá rexistrinxido o acceso de vehículos para facilitar os movementos da maquinaria e dos vehículos de emerxencias.

A manobra de extracción do combustible pode durar unhas seis horas. Se non xorden novos impedimentos de última hora podería facerse este xoves.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/11/2019