CRTVG

Buscar

Instalan fotos de antigos veciños nas casas dunha aldea abandonada na Ribeira Sacra

Publicado o 24/10/2021 15:03

Unha aldea deshabitada da Ribeira Sacra volve cobrar vida grazas á iniciativa dunha asociación cultural do Saviñao. Esa aldea chámase Bexán e chegou a ter máis dun cento de veciños.

Estamos en Bexán, unha aldea da Ribeira Sacra que perdeu o seu último habitante o ano pasado. Agora, os veciños que un día encheron de vida este lugar volven estar presentes a través de carteis coma estes. Son fotografías que instalou unha asociación cultural da zona nas casas onde viviron, a maioría en estado de ruína. Poderán verse ata o próximo 7 de novembro.

Guillermina, de 88 anos, foi en 2012 unhas das últimas veciñas que marchou de Bexán. Co seu fillo Xosé Antonio volve á que foi a súa casa. A da dereita é a súa neta, a última nena que naceu na aldea. A que carrexa a herba é Guillermina máis de 60 anos atrás.

"A vida é así. Que lle imos facer, pero gustaríame estar aquí, con todo o que eu traballei. Fun moi feliz aquí", di Guillermina. "Os das fotos somos eu, miña nai e miña filla. Cando a filla tiña tres ou catro anos marchamos, polo problema do colexio e o transporte. Era difícil estar aquí e fomos para Escairón", comenta Xosé Antonio.

En Bexán xa non vive ningúen desde o ano pasado, cando morreu o único veciño que quedaba. En pouco máis de medio século, a aldea perdeu os seus máis de cen habitantes.

"Dicían daquela que había 23 mozos nesta aldea, mozos e mozas, xuventude, máis os nenos todos", di Manuel Antonio, antigo veciño de Bexán. Milagros era una desas mozas. Viviu nesta casa ata os 15 anos.

"Bexán era moi bonito, había moita xente. No verán xuntabámonos os homes xogando ás cartas, as mulleres cosendo... E abaixo, onda a capela, xuntábase outro grupo de xente. Traballábase moito, porque se facía todo, todo era ao lombo, pero era bonito", explica Milagros.

A asociación cultural Artística Sacra quere lembrar con estas fotos aos que encheron de vida o lugar. Son os rostros dun proceso de despoboamento que non se detén.

"Esta aldea o ano pasado perdeu o seu último habitante. Foi a 853 entidades singulares de poboación que quedou a cero, só no provincia de Lugo. É un problema moi serio", comenta Nacho García, presidente da asociación cultural Artística Sacra.

Varias destas casas compráronas cidadáns ingleses. Cando se instalen nelas, daranlle unha nova vida á aldea. Pero xa ninguén aturuxará como o facía Manuel Antonio no tempo da vendima.

Noticias web

24/10/2021