CRTVG

Buscar

Instagram rectifica e achaca a censura do cocido a un erro da intelixencia artificial

Publicado o 23/10/2019 15:14

Un erro da intelixencia artificial. É o argumento co que Instagram se desculpou por censurar unhas fotos do cocido galego. Falamos co autor das instantáneas, que non sae do seu asombro pola censura da rede social ao prato máis emblemático da cociña galega.

O "primeiro cocido da temporada en casa Rosi", a súa nai, é un clásico no perfil de Instagram de Richard Barreira, como el mesmo explicaba esta mañá na Radio Galega.

Richard Barreira, autor das fotos do cocido: "Son bandexas como poden presentar en calquera restaurante. A única diferenza é que o da miña nai é supremo, pero non ten absolutamente nada".

Aínda non dixeriran o cocido cando Instagram eliminou a publicación. Non sabe se foi por culpa da cachucha, do lacón ou do rabo. 

Richard Barreira, autor das fotos do cocido: "Era unha mensaxe en que dicían que infrinxín as normas en base a tres supostos: violencia gráfica, incitaicón ao acoso e vídeos ou imaxes de carácter sexual".

De tan surrealista, a noticia non tardou en revolucionar as redes e Instagram recuou, pero sen moitas aclaracións: "Din que o senten. Que foi un erro da intelixencia artificial. Aí estamos".

Noticias web

23/10/2019