CRTVG

Buscar

Telexornal Mediodía

Iniesta despídese do Barcelona despois de 22 anos no club

Publicado o 27/04/2018 15:14
Con naturalidade e normalidade. Como foi a vida de futbolista. Así se despediu Andrés Iniesta do Barcelona, que non do fútbol. Visiblemente emocionado, con algunha dificultade para expresar os seus sentimentos, compareceu Iniesta. Arroupado pola familia, polos compañeiros, técnicos e directivos. O final de vinte e dous anos de servizo ao Barcelona. Vaise porque a esixencia aumenta e quere ser honesto consigo mesmo e co club ao que lle debe todo. Fará trinta e catro anos en poucas semanas. E suma trinta e catro títulos, o xogador español máis laureado. Aquel momento fugaz. Aquel instante conxelado na memoria co que xa por sempre será lembrado e querido. Un bocado de metraxe nunha longa traza de méritos que partiron dende unha perdida pedanía da Castela, árida e seca, para facer eterna a Fuentealbilla co pasaporte do fútbol. Chegou a Barcelona e atopou o sentido da súa existencia declarando un amor eterno. Chega a fin dun camiño labrado con dedicación. Un corredoira que levou a Iniesta pola meritoriaxe, de abaixo a arriba sen chanzos de máis. O xusto termo dunha traxectoria artística. Esa mestura de pases pintados con devoción e goles esculpidos no porpiaño da Champions ou na terracota da Liga. Pura cerámica de alabastro en competicións internacionais e torneos de toda pelaxe nos que se canta unha copla. Iniesta de mi vida Coa marcha de Iniesta comeza a escribirse a fin dun ciclo e unha xeración de futbolistas únicos. Peloteiros de alta escola que deixan ou deixaran o fútbol cun ronsel de voluptuosidade. Fútbol en estado puro de xente anormalmente normal. Andrés Iniesta, cabaleiro da triste figura e pel trasparante, marcha sen ser declarado balón de ouro pero sendo o mago capaz de converter un balón nun diamante e un lugar da Mancha do que ninguén quere lembrarse no lugar para voltar, logo de irse.
Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí