CRTVG

Buscar

Iníciase o procedemento para declarar Ben de Interese Cultural a ponte vella da Ponte Maceira

Publicado o 04/06/2020 16:48

É un proceso longo, pero parece que por fin avanza. A Dirección Xeral de Patrimonio acaba de iniciar o procedemento para declarar a ponte vella da Ponte Maceira como Ben de Interese Cultural.

É unha ponte orgullosa e acostumada a que a miren en todo momento. Agochada na néboa de calquera primavera ou mil veces á chuvia soportando a forza das enchentes do Tambre.

Leva moitos séculos contemplando mundo, din que viu os romanos pelexando por pasar o río e foi testemuña das batallas entre os Fonseca e os condes de Traba alá polo século XII. 

Sabe de lendas, foi protagonista de cine na gran pantalla, entrou na lista dos lugares máis fermosos de España e guía milleiros de peregrinos cara á fin da terra.

Así que ben merece que a coiden e protexan, e para iso os concellos de Negreira e Ames solicitaron no 2017 a súa declaración como Ben de Interese Cultural. Agora, Patrimonio acaba de incoar o procedemento e isto abre novas posibilidades de conseguilo. 

Quedan por diante meses para se que resolva o expediente e sexa declarada BIC. Pero, por fortuna, o tempo para a ponte vella, a da Ponte Maceira, ten outra medida distinta á nosa. 

 

 

 

Noticias web

04/06/2020