CRTVG

Buscar

Ingresado na unidade de queimados un veciño de Calvos ao que lle prenderon lume

Publicado o 14/09/2021 15:03

Continúa ingresado na Coruña o mozo de 24 anos, veciño de Calvos de Randín, que na madrugada do domingo ao luns sufriu graves queimaduras despois de que o seu acompañante, supostamente, lle prendera lume tras regalo cun líquido inflamable. O presunto agresor xa está identificado. Debe comparecer no cuartel da Garda Civil nas próximas horas.

Carmen Fernández Rodríguez, avoa do mozo agredido: "Ven aquí, tía, ven rápido, chama a ambulancia que me queimaron a cara".

Eran as 4 e media da mañá cando Benito, de 24 anos, chegou a súa casa de Calvos, coa cara e os brazos queimados.

"Desesperadiño, mollou a cociña toda, colleu todo o xeo que había, e choraba. Gasolina, desde logo, non foi, porque non cheiraba a gasolina. Debía traelo no coche e, antes de baixar do coche, tiroullo e botou o misto", explica a avoa.

O presunto agresor xa está identificado. É un veciño da localidade portuguesa de Tourem, de 58 anos, co que Benito pasou a noite.

"Non son amigos. O outro ten 50 e pico anos, o meu neto 24, e o outro anda con droga... é un delincuente. Hai xa anos fíxolle algo parecido a un señor en Rubiás. Botoulle o líquido enriba e rouboulle a casa. Tiña que estar encerrado", di Carmen.

Está citado a declarar no cuartel da Garda Civil de Calvos, onde debería comparecer nas próximas horas pero, polo momento, non hai detención, xa que a vítima aínda non presentou denuncia.

"El agora non fala, está sedado, intubado...", aclara a avoa.

Segundo nos explicou a avoa, aínda están avaliando o alcance das feridas nas capas internas da pel.

Noticias web

14/09/2021

Máis sobre Calvos de Randín