CRTVG

Buscar

Ingresada unha muller en estado moi grave tras golpeala a súa ex-parella en Ponteareas

Publicado o 16/01/2020 16:35

A agresión produciuse o mércores á noitiña en Ponteareas, na parroquia de Ribadetea. O home, de 56 anos, e cunha orde de afastamento en vigor, chegou á casa e comezou a golpear a muller con violencia. O fillo da parella quixo defender a nai e tamén resultou ferido.

"Onte veu o rapaz a berros por favor, por favor policía, ambulancia, eu estaba na cama, o meu home abriulle o portal e chamar a policía, a ambulancia, e dixo, a miña nai está morta, que a matou, foi horroroso", di unha veciña.

Cando chegaron ao domicilio a policía e os equipos de urxencias, atoparon a muller chea de sangue. Foi trasladada ao hospital, onde foi operada. O seu estado é grave, pero, en principio, non se teme pola súa vida.

"O rapaz tiña unha fenda na cabeza que sangraba moito (intentou defendela) umm, el dixo que lle deu un golpe polas costas, que ía xunto á nai e que o colleu polas costas desprevido", explica a veciña.

A parella estaba en trámites de separación e, segundo parece, na véspera acababan de asinar os papeis. O detido permanece no cuartel da Garda Civil á espera de pasar a disposición xudicial.

 

Noticias web

16/01/2020