CRTVG

Buscar

Ingresa un home no hospital de Lugo por un ataque de avespas

Publicado o 14/08/2019 14:32

Foi nunha leira do barrio lugués de Mazoi onde se produciu o ataque. Un peón paseaba pola zona cando foi atacado de xeito masivo por un enxame de avespas. Os insectos picárono por todo o corpo en poucos intres e o home fuxiu a toda présa do lugar. Tanto é así que deixou parte da súa roupa e das súas pertenzas no sitio onde foi atacado. O ataque produciuse porque durante os traballos para limpar de maleza a leira foi golpeado o niño das avespas, que se atopaba no chan e cuberto de silvas. Os insectos reaccionaron de xeito violento. "O home pasouno moi mal e saíu correndo de aquí. Levou un apuro moi grande", relata un veciño.

Ao lugar do suceso desprazouse unha patrulla da Policía Local. Os veciños entregaron aos axentes os obxectos que o home deixou na súa fuxida, como o teléfono móbil ou a carteira. Así, foi posible identificalo. Posteriormente localizárono no hospital Lucus Augusti, ao que acudira a tratarse polas picadas. As poucas testemuñas do suceso din que a chaqueta da vítima estaba chea de insectos. Agora teñen medo de que volva pasar algo semellante. Porque as ameixas que hai na leira son o mellor reclamo para as avespas. "A chaqueta do home estaba chea de abellas. Iso vino eu. O pobre sufriu un ataque moi duro".

Os veciños lamentan que na zona haxa tantas leiras invadidas de maleza porque din qUe, ademais de para as avespas, tamén serve de acubillo para serpes, ratas e todo tipo de insectos. Os bombeiros de Lugo xa destruiron o niño de avespas.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

14/08/2019