CRTVG

Buscar

Ingresa no CHUAC unha moza monfortina tras recibir unha malleira nunha noite de festa

Publicado o 06/10/2021 21:56

Unha moza de Monforte está ingresada no CHUAC pola malleira que lle deron nunha noite de festa, hai dez días. A rapaza ten fracturas na cara e un ollo moi afectado.

A moza continúa hospitalizada dez días despois de sufrir unha brutal malleira na rúa Duquesa de Alba, onde se concentran gran parte dos pubs da vila. Os feitos rexistráronse de madrugada a última fin de semana de setembro, cando esta zona de lecer nocturno comezaba a recuperar a actividade.

No transcurso dunha pelexa, a vítima da agresión recibiu na cabeza unha serie de golpes que lle provocaron lesións severas na cara. Neste sentido, os veciños da contorna levan anos denunciando o ruído, as liortas ou o incumprimento dos horarios mesmo ante o Valedor do Pobo. 

"Cando os pubs abren, nótase que hai máis ambiente porque hai ruído". "Isto a verdade é que está un pouco desorbitado, o tema da xuventude. Realmente saen como alporizados. Algo de medidas haberá que tomar", comentan os veciños. 

Tal como puideron comprobar os médicos que atenderon a vítima no Hospital Comarcal de Monforte, os golpes recibidos provocáronlle diferentes fracturas no rostro e deixáronlle un ollo especialmente afectado. Por esta razón, ordenaron o seu traslado inmediato ao CHUAC, onde segue ingresada. Pola súa parte, a policía está a investigar a autoría destes feitos. 

Noticias web

06/10/2021