CRTVG

Buscar

Ingresa en prisión o presunto autor do crime de Betanzos, despois de entregarse

Publicado o 11/01/2019 14:20

Novidades sobre o crime cometido en Betanzos o día 30 de decembro.
O Xulgado de Betanzos acaba de decretar o ingreso en prisión do presunto autor do acoitelamento, despois de que el mesmo se presentara voluntariamente en dependencias da Garda Civil.
Ao parecer, a presión de saberse identificado polas forzas de seguridade foi o que o levou a entregarse ás autoridades.

Rematou a busca do presunto autor do crime cometido en Betanzos hai dúas semanas. O home, de nacionalidade colombiana, entregouse voluntariamente. O equipo da Policía Xudicial da Comandancia da Garda Civil da Coruña detívoo nas últimas horas na súas propias dependencias. O presunto agresor acudiu acompañado do seu avogado e el mesmo fixo tamén entrega dunha arma branca, coa que supostamente asestou as tres coiteladas que acabaron coa vida de Maximiliano Pérez Ramírez, un mariñeiro dominicano de 44 anos, que traballaba nas illas Canarias, pero que eses días estaba en Betanzos para pasar o Nadal en familia.

O suceso aconteceu na zona histórica da vila, na madrugada do 30 de decembro, como consecuencia dunha discusión que ambos os dous mantiveron, segundo algunhas testemuñas, por unha suposta débeda. Tras o enfrontamento, o agresor fuxiu e mantívose ata agora en paradoiro descoñecido.

Segundo fontes próximas á investigación do caso, o detido entregouse debido á presión de saber que fora identificado pola Garda Civil, xa que ao parecer houbo varias testemuñas que o identificaron.

Esta mañá foi trasladado ao Xulgado de Instrución número 3 de Betanzos para tomarlle declaración. O xuíz xa decretou o seu ingreso en prisión.



 

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

11/01/2019