CRTVG

Buscar

Inglaterra imporá unha corentena aos estranxeiros de 14 días con multas de máis de 1.000 euros

Publicado o 22/05/2020 19:41
Inglaterra imporá unha corentena aos estranxeiros de 14 días con multas de máis de 1.000 euros

O Goberno británico anunciou hoxe que imporá unha corentena de 14 días aos viaxeiros que cheguen ao país a partir do 8 de xuño para tratar de evitar novos brotes de coronavirus procedentes do estranxeiro. A ministra do Interior, Priti Patel, indicou nunha conferencia de prensa que saltar a corentena estará castigado con 1.000 libras en Inglaterra (1.120 euros), mentres Escocia, Gales e Irlanda do Norte establecerán as súas propias sancións e a policía fará controis domiciliarios aleatorios para comprobar que se cumpra.

Estarán exentos da medida os viaxeiros que cheguen desde a República de Irlanda e algúns traballadores, como sanitarios, transportistas e temporeros contratados para a agricultura. O Goberno revisará a súa estratexia cada tres semanas e contempla a posibilidade de acordar "pontes aéreas" con países que teñan "baixos niveis de transmisión".

Os detalles do plan coñecéronse nunha xornada na que o Reino Unido alcanzou 36.393 mortes por COVID-19, tras sumar 351 falecidos, e detectou 3.287 novos contaxios, unha repunta fronte aos 2.615 casos do día anterior. O país continúa sendo o máis castigado en Europa pola pandemia.

Italia rexistra 130 mortos con coronavirus e 652 novos casos

Italia rexistrou 130 mortos con coronavirus nas últimas 24 horas, co que o número total é xa de 32.616, ademais de 652 novos casos de contaxio, segundo os últimos datos oficiais de Protección Civil. O número de casos totais de contaxio desde que se iniciou a emerxencia no país o 21 de febreiro é de 228.658. Nas últimas horas curáronse 2.160 persoas, o que eleva a cifra de curados totais no país a 136.720. 


Nova repunta de contaxios en Portugal, con todo listo para acudir á praia

As autoridades de Saúde de Portugal informaron hoxe que nas últimas 24 horas se rexistaron no país 288 novos contaxios, número superior ao deste xoves e que antecede a unha vaga de calor que esta fin de semana engade atractivo ás praias, ás que se pode acudir gardando a distancia. Nas últimas 24 horas rexistráronse 12 mortes por coronavirus, ata sumar un total de 1.289 decesos, e 288 novos contaxios que en total xa superan os 30.000.

Alemaña rebaixa o número de casos

Alemaña rexistrou nas últimas 24 horas 460 contaxios e 27 mortos por coronavirus, rebaixando así as cifras do día anterior e elevando o total a máis de 177.000 positivos e máis de 8.100 vítimas mortais pola pandemia orixinada na cidade chinesa de Wuhan, segundo o último balance do Instituto Robert Koch, a axencia gobernamental alemá encargada do seguimento das enfermidades infecciosas.


 

Noticias web

22/05/2020