CRTVG

Buscar

Primeiro paciente en estado grave en España polo virus

Publicado o 27/02/2020 22:00

• Hai 23 contaxiados | Finaliza o confinamento no hotel de Tenerife

• Os 5 repatriados desde Wuhan ingresan sen síntomas no Gómez Ulla

• O Sergas activa o teléfono 902 400 116 para información xeral do coronavirus | As consultas por síntomas, no 061

 

 

Vinte e tres persoas en España están hospitalizadas por daren positivo en coronavirus, unha delas, moi grave, un home de 77 anos ingresado na unidade de coidados intensivos do Hospital de Torrexón (Madrid). Os últimos notificados foron dúas persoas en Castela e León, os primeiros pacientes confirmados nesta comunidade, e seis novos na valenciana, varios deles relacionados co xornalista que viaxou a Milán e que quedou ingresado a mañá deste xoves.

A Junta de Castela e León informou de que deu positivo un mozo que está ingresado no Complexo Asistencial de Segovia, con síntomas leves, tras regresar recentemente de Italia, e tamén un home de 28 anos, orixinario de Irán, que se atopa ingresado no Hospital Universitario Río Hortega de Valladolid. Seis persoas máis, á parte das dúas que xa estaban ingresadas, deron positivo en coronavirus na Comunidade Valenciana, segundo confirmou este xoves a consellera de Sanidade, Ana Barceló.

Nunha comparecencia urxente ante os medios de comunicación, Barceló sinalou que todos os casos son leves: dous dos novos casos corresponden a homes que están ingresados no Hospital Xeral de Valencia; outros dous, no Clínico; un, no Doutor Peset, tamén en Valencia; e o último en Sagunto. Os dous casos do Clínico están relacionados co xornalista ingresado neste hospital desde a mañá deste xoves, e viaxaran a Milán con motivo do partido Atalanta-Valencia CF da Champions League, segundo afirmou a consellera.

Os dous ingresados no Hospital Xeral son "casos secundarios", é dicir, detectouse a presenza de coronavirus por contacto co citado xornalista, pero non viaxaron a Milán a semana pasada. Seguen ingresadas catro persoas en Tenerife, unha na Gomera, dúas en Cataluña, catro na Comunidad de Madrid e unha en Sevilla. Os dous novos casos de Madrid estaban ingresados no Hospital de Torrexón de Ardoz desde había días por pneumonía; ningún deles viaxara a zonas de risco, e deron positivo a madrugada deste xoves tras a aplicación do protocolo que esixe analizar os casos de pneumonía nos que non se tipificou o virus.

Doente grave

Un deles é o paciente máis grave, un home de 77 anos con patoloxías previas que está na UCI do Hospital Universitario de Torrexón desde o pasado 15 de febreiro. Estes dous pacientes, xunto co de Sevilla -de 62- contaxiáronse en España, polo que os servizos sanitarios están a analizar como se produciu a infección. Sanidade mantén o actual escenario de contención "porque a priori non hai transmisión comunitaria descontrolada nin entradas masivas de casos importados que puidese implicar unha transmisión ampla", explicou o director do Centro de Coordinación de Alertas e Emerxencias Sanitarias, Fernando Simón, tras a reunión do Comité de Seguimento e Evolución do Coronavirus.

"Temos que ir con moito coidado e avaliar hora a hora como evoluciona a situación tanto fóra de España como no noso país e, ante calquera modificación da apreciación do risco ou cambio das medidas, informarémoslles", insistiu. O responsable sanitario explicou os escenarios teóricos se se chegase a casos de transmisión comunitaria e afectasen a grupos de persoas, como reducir aglomeracións, aínda que destacou que "agora non son necesarias ningunha desas medidas, e falar deses escenarios pode inducir a equivocación na poboación". "Se hai casos cuxa orixe non identificamos , estamos máis preto dun novo escenario", informou o responsable de Sanidade.

O ministro de Sanidade, Salvador Illa, durante a súa comparecencia no Congreso para explicar as liñas prioritarias do seu departamento, dixo non ter "ningún inconveniente" en explicar en sede parlamentaria a situación do coronavirus. "Comprométome e creo que o podo dicir con toda autoridade a darlles a vostedes a información que precisen, cando a precisen e a que queiran ter", díxolles o ministro aos membros da Comisión de Sanidade, cuxos grupos, excepto Vox, mostraron o seu apooio á xestión e ás medidas que Sanidade, en coordinación coas comunidades autónomas, está a adoptar para facer fronte ao Covid-19, e tamén a confianza no sistema sanitario e os seus profesionais.

Pola súa banda, os cinco cidadáns españois procedentes de Wuhan que chegaron á primeira hora da tarde a España sen síntomas de contraer o coronavirus xa foron ingresados no Hospital Central da Defensa Gómez Ulla para iniciar os 14 días de corentena.

En Tenerife permitiuse a todos os clientes dun hotel do sur da illa, no que se aloxaron catro contaxiados polo coronavirus, ir ás súas casas ao seguiren sen síntomas, aínda que deben garantir que van ser sometidos a un seguimento activo nos seus países de orixe.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

27/02/2020