CRTVG

Buscar

Inés Rey: "Hai conversas co BNG e a Marea Atlántica para pechar o Goberno"

Publicado o 18/06/2019 11:34

A nova alcaldesa da Coruña, Inés Rey, do PSdeG, nunha entrevista no Bos días desde a sede do concello, amosouse orgullosa de ser a primeira muller que chega ao cargo nesa cidade, xa que "é romper un dos teitos de cristal e un avance na política", dixo.

Respecto a estes primeiros días á fronte do Concello asegurou que ela mesma se está encargando de despachar co seu equipo os temas máis urxentes, pero espera alcanzar pronto un acordo coas forzas que apoiaron a súa investidura para pechar a formación do goberno municipal.

"Estanse a producir conversas co BNG e Marea Atlántica para pechar o próximo goberno. Temos que comezar a traballar. A Coruña ten que distribuir áreas entre concelleiros e nos próximos días ter ese goberno pechado" -afirmou-, "hai empatía, diálogo, cordialidade e bó clima nestas conversas e penso que o que precisa A Coruña é un goberno estable, que xestione e empece a traballar. Ese é obxectivo do Partido Socialista e tamén do resto de forzas políticas".

Inés Rey presentouse ás eleccións cun proxecto socialista renovado, pero cre que iso non supón facer unha enmenda á xestión do PSdeG na cidade nos anos pasados. 

"O que pasou os 4 anos anteriores está pasado. Todos os concelleiros do PSdeG somos novos agás unha concelleira", dixo, "pero eu non vexo ese resquemor. Non vou estar mirando polo retrovisor e iso supón non perder o tempo mirando o que pasou os anos anteriores".

En canto aos grandes retos da cidade, a alcaldesa da Coruña dixo que vai perdir unha reunión co presidente da Xunta "para falar de infraestruturas" e tamén "estamos agardando a que se constitúa un goberno en Madrid para que se desbloquen as grandes infraestructuras". "Serei cooperadora e leal para facer unha aposta forte pola Coruña".

No que respecta á situación do seu partido preferiu non entrar "os temas orgánicos magnifícanse e eu agardo que haxa repsonsabilidade pero vaime permitir que non fale do PSdeG", dixo. "Non teño cargos orgánicos e iso correspóndelle á Direccion Nacional galega e provincial de Lugo", asegurou respecto á crise aberta entre os socialistas lugueses.

Sobre a investidura de Pedro Sánchez, Inés Rey dixo que "España precisa xa un goberno estable que empece a traballar, A vitoria do Partido Socialista foi clara e hai unha maioría progresista no país e agardo responsabilidade institucional de todos os grupos. Penso que a investidura está garantida".

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

18/06/2019