CRTVG

Buscar

Indultan o semental Cesáreo, un porco celta de case 300 quilos

Publicado o 08/05/2019 23:46

Este que ven é Cesáreo, un porco celta da raza carllina que é o rei da granxa Fraga do Coto de Vilalba. Con cinco anos e preto de 300 quilos de peso este semental é o cabeza de familia dunha longa estirpe.

"É o semental da explotación, xa leva con nós tres anos e é o xefe de aquí. O tempo que leva aquí son tres anos e os fillos non che sabería dicir, 100, 150 ou máis", sinala Saúl Rouco, dono da explotación Fraga do Coto.

Malia ser o xefe, agora ten un competidor, e é que ter unha recua de descendentes tamén ten os seus inconvenientes. Con todo Cesáreo respira tranquilo, e é que a súa docilidade, que o leva a desfilar de feira en feira, xa lle garantiu o indulto.

"Ahora temos outro reprodutor máis porque como moitas porcas son fillas de Cesáreo e para evitar a consanguinidade non podemos cubrir con el. Está indultado porque é moi mansiño, andamos con el nas feiras e dá gusto andar con el", sinala Saúl Rouco, dono da explotación Fraga do Coto.

Mentres uns teñen os días contados para ir ao matadoiro Cesáreo seguirá en liberdade, á sombra dos carballos e alimentándose de pasto, millo e landras.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Noticias web

08/05/2019