CRTVG

Buscar

Bos días

Indonesia e Marrocos, interesados na importación de seme da rubia galega para produciren máis carne

Publicado o 14/07/2015 09:26

Indonesia e Marrocos están interesados na cría de xatos de raza rubia galega. Dúas delegacións deses países coñeceron de primeira man as características dunha raza especialmente valorada pola carne. A xenética da rubia galega está xa presente nos mercados internacionais, e ten o Brasil como principal importador. Dúas delegacións chegadas dende Indonesia e Marrocos visitaron Lugo para coñecer de preto os últimos avances relacionados coa raza rubia galega. Acudiron ao Centro de Reproducción e Selección Animal de Galicia e tamén ao Centro de Testaxe Xenética.

O obxectivo deste encontro é acadar novos mercados que supoñan un maior impulso para o sector. Pola súa parte, o interese da delegación máis numerosa, a indonesia, radica en reducir as importacións da carne de vacún dos seus países veciños.

"Eles queren potenciar nos seus países a produción. Porco non comen, senón tenreira e cordeiro. Entón están importando de Australia unha chea de toneladas de carne de tenreira e queren producir máis no seu país para importaren menos", explica César Dorado, presidente de Acruga.

A Asociación Nacional de Criadores de Raza Rubia Galega ten polo momento como principal cliente da exportación xenética O Brasil, a onde exportan anualmente unhas 100.000 doses de seme.

Envía o teu comentario!
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí

Bos días

14/07/2015