Inditex rexeita "firmemente" as acusacións de beneficiarse de traballos forzosos na China

EFE
O grupo téxtil español Inditex rexeitou "firmemente" este xoves as acusacións presentadas na súa contra en Francia, que "carecen completamente de base", polas que a Fiscalía Nacional Antiterrorista abriu unha investigación preliminar.
Esa investigación preliminar abriuse tras a denuncia de varias oenegués contra varias empresas téxtiles internacionais, entre elas Inditex, por supostamente beneficiárense do traballo forzado da minoría uigur na China. "A compañía dispón de rigorosos controis de trazabilidade que permitiron confirmar que tales acusacións son infundadas", asegurou Inditex nunha declaración a EFE.
Agregou que ten "tolerancia cero cara a calquera forma de traballo forzoso" e aplica diversas políticas e procedementos "para asegurar que esta práctica non existe na nosa cadea de subministración". A firma engadiu que colaborará coas autoridades francesas para demostrar a súa inocencia.
Esta declaración chegou despois de que hoxe se divulgara a apertura dese procedemento. "Abriuse unha investigación tras a presentación dunha querela por beneficiarse de crimes contra a humanidade", sinalou a EFE unha fonte xudicial francesa. Un grupo de oenegués presentou en abril pasado unha denuncia ante a xustiza gala contra Inditex, Uniqlo, Sketchers e SMCP, entre outras grandes firmas, ás que acusan de beneficiarse do traballo forzado ao que, segundo grupos de dereitos humanos, é sometida a minoría uigur na rexión chinesa de Xinjiang (noroeste).
Esa zona produce aproximadamente o 20 % do algodón mundial e, segundo os denunciantes, os labores no cultivo e recolección realízanse en parte grazas ao traballo forzado ao que son sometidos os uigures (unha etnia centroasiática de relixión musulmá) por parte das autoridades chinesas.
A apertura da investigación "é unha gran satisfacción, tiñamos moita esperanza de que se abrise", sinalou a EFE Nayla Ajaltouni, portavoz de Étique sur l' étiquette (Ética na etiqueta), un dos colectivos demandantes. "Para nós, é unha primeira etapa para que se cuestione por fin a responsabilidade desas firmas e o seu rol como beneficiarias impunes dunha situación de crimes contra a humanidade", engadiu.